Catro rochas achéganse paseniñamente no meu mar da tranquilidade. Bailan en círculo, mecéndose ao compás do vento mareiro.

Unha bonita escapada (2010), da francesa Anna Gavalda (léase Gavaldá) é unha novela breve de familia e complicidade, de inspiración de instantes que se presinten últimos. Tres irmáns que se reúnen para unha voda deciden fuxir dos convencionalismos e marchar en busca do cuarto irmán para pasar un par de días de liberdade e infancia. A narradora, a desordeada Garange, desgrana en fermosas enumeracións a historia dos mosqueteiros, e así, a elegancia e sensibilidade de Lola, a contención de Simon, a música de Vicent son as engranaxes dunha fraternidade vital que se presenta como cimento da existencia dos catro nunha etapa de tránsito, un encontro de inevitable despedida dun tempo feliz.

Temos a música e os escritores. Camiños, mans, goridas. Ronseis de estrelas pintadas nos recibos das tarxetas de crédito, páxinas arrincadas, recordos felices e recordos horribles. Cancións, refráns na punta da lingua. Mensaxes arquivados, libros de trucos, osiños de chocolate e discos raiados. A nosa infancia, as nosas soidades, as nosas primeiras emocións e os nosos proxectos de futuro. Todas aquelas horas de “tenme en conta da porta” e uniformes obrigados.

Unha bonita escapada é iso, unha lectura bonita, unha pequena escapada para estes días de verán.