No meu mar da tranquilidade había un pez fermoso ao que eu nunca me achegara. Mirábao de cando en vez, sabía da súa existencia, ata llo amosara a outros. Eles dicíanme que bracease canda el pois o encontro me fascinaría. Entón, por fin, nadei ao seu carón, rocei as súas escamas, e estas quedaron clavadas na miña pel.

 Maus. Relato dun supervivinte (1980-1991), de Art Spiegelman, é unha novela gráfica que todo o mundo debería ler. É a historia do pai do autor, xudeu polaco que padeceu a loucura xerada polo nazismo antes e durante a Segunda Guerra Mundial. Como reza o título e a historia dun superviviente desa barbarie, dende que Polonia foi ocupada polos alemáns ata as secuelas vitais que o ían acompañar en toda a súa vida como exiliado en EEUU, pasando polas súas experiencias espeluznantes en Auschwitz. Entre medias, o suicidio da nai, a incomprensión do pai, a relación paterno-filial deteriorada, o desexo de deixar constancia do vivido por parte do fillo, o testemuño do pai.

 Maus é unha novela que foi premiada, entre outros, co premio Pulitzcher en 1992 e segundo se di (eu non teño a bagaxe necesaria para confirmalo) marcou un antes e un despois no mundo do cómic. Podo crelo sen esforzo. A narración é cautivadora, sólida, coherente, fluida. Enrédate dende o comezo e pese a dureza do tratado, gostei dela enormemente. É brillante a decisión de animalizar as personaxes: gatos fronte a ratos, e logo porcos e tamén cans, para marcar as culturas ou as ideas. As máscaras que disfrazan a verdade, unha volta de parafuso impresionante.

 Cando un sobrevive, que queda del? Acostumados a un The End aparentemente feliz xa que o protagonista conseguiu esquivar á morte, esta obra fainos ser conscientes do despois, das mutilacións vitais, membros fantasmas que sempre, sempre acompañan e marcan non só aos supervivintes, senon tamén aos achegados. Esta é a histoira do pai que sobrevive ao odio, e a do fillo que sobrevive ao pai. Unha supervivencia triste a de ambos os dous.