[de]construçom é o primeiro poemario de Susana Sánchez Aríns (Vilagarcía, 1974). Publicado en Espiral Maior e presentado en xuño na Estrada foi gañador do XXI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

venho das eiras de portaris dos arines

[de]construçom é o proceso de construción dunha casa, desde a súa imaxinación ata a súa decoración. Os poemas están acompañados dos bocetos da arquitecta Rosa Herraiz Cabanas.

A semcasa decidiu deter por un tempo a súa andaina e asentar nunha terra que escolleu libremente, entre unhas paredes xa feitas que a unen tamén a un pasado do que se recoñece como continuadora.

nom ambiciono destragar este recanto/desejo gozar a vida aqui    que me tocou/ neste recanto que nom quero arruinar/ porque aqui é o mundo/ e é todo meu.

Esa skinless hipersensível guía ao lector de forma sinxela e ordenada por entre as paredes ruinosas,  as impresións que lle suxire o espazo, as diferentes obras que ten que afrontar, as estancias da casa e o mobiliario. E con cada poema, nun concentrado final, amósasenos a parte máis íntima da voz poética nese refacer da casa que eu sinto como algo similar a un camiño de filosofía: os anceios, a búsqueda da harmonía vital, a reflexión sobre o tempo, a asunción da ausencia, a arela de beleza, a memoria.

A casa como símbolo da vida, como renovación dunha mesma, como inicio de camiño. Un camiño consciente, maduro e querido. Eu quero unha casa así.