No mar da tranquilidade hai unha estreliña somerxida que é O pouso do fume, da poeta Dores Tembrás Campos (Bergondiño, 1979). Publicado en Espiral Maior, presentouse na Coruña en abril de 2009. O cadro da portada é obra do pintor coruñés Manuel Suárez Casal.

só a memoria/zurcirá os espacios en branco

O pouso do fume é o rescoldo dun tempo perdido, mais resucitado para a súa pervivencia en cada palabra. O recordo vivificante dunha xenealoxía sobre a que construír unha herdanza para o futuro. Un exercicio de (re)coñecemento das raíces no momento axeitado, cando o pó xa pousou e deu forma a algo recoñecible que se quere conservar.

un poema para/ as que estrangulan bonecas/ e amordazan flores/no xesto cándido/da infante perdida

O fume foi intenso, fume feito de letras, recortes, herba, casa, río, tesoiras, cociña. Nenas-fortes, nenos-homes, botellas trasatlánticas, madexas nas paredes, anxos nos piñeiros. Mais o fume queimou todo e transformou a paisaxe, o pasado non existe xa, pero que sería de nós se non ardese? Doe a queima que todo o aniquila, porque non sabemos se a terra se rexenerará; nembargantes, mandas como a que fixo Dores son lambetóns nas feridas que nos fan máis doce convivir cun tempo que botamos de menos, porque o pouso que deixou fíxonos como somos, somos así gracias á combustión.

recuperar a desmemoria da familia léxica chuvia/ e descubrirme impermeábel/enmudecer ante as novas palabras/que me atordan/ das que me agocho/pero nin sequera aquí/ os encantamentos infantís teñen efecto/non hai agochos/ nin recendo de marmelo sanador

A poeta Wislawa Szymborska di que somos como somos por todas as cousas que formaron parte da nosa vida, todas as decisións ben e mal tomadas, esas seudocasualidades que se cruzaron no noso camiño. Se algunha delas cambiara, nós cambiariamos tamén.

Poemas escritos en papeliños, poemas nas páxinas dos libros. E agora o libro-obxecto esperando por ti, para que forme parte da túa vida e te transforme, para que sexas como sexas.

tatuado nos ollos/levamos o pouso